Bota a andar un proxecto que Galicia, Madrid e País Vasco desenvolven no marco do programa Retech
mércores, 20 de setembro do 2023
A directora da
Axencia Galega de Innovación, Patricia
Argerey, participou na reunión de lanzamento do proxecto conxunto que Galicia,
Madrid e País Vasco desenvolven no marco do programa de Redes Territoriais
de Especialización Intelixente (Retech) que ten por obxecto a optimización das
cadeas de valor en sectores estratéxicos para a economía co obxectivo de
mellorar a produtividade e a calidade de vida a través da aplicación da
intelixencia artificial. O encontro de traballo tivo lugar no Parque
Tecnolóxico de Zamudio.
O proxecto,
coordinado polo País Vasco, ten un orzamento de 55,66 millóns de euros,
achegando o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital 41,75 millóns
de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e sendo 13,91 millóns
de euros a achega autonómica (de fondos públicos ou privados) e estenderase ata
o primeiro trimestre de 2026.
A participación
de Galicia, que se enmarca dentro da Civil UAVs Initiative, ascende a 18,55 millóns
de euros: 13,92 millóns de euros de fondos europeos e 4,64 millóns de euros de
cofinanciamento autonómico.
Co obxectivo de
fomentar o desenvolvemento do mercado dos vehículos e sistemas non tripulados e
da intelixencia artificial, así como impulsar o ecosistema aeroespacial galego,
a Xunta desenvolverá no marco do Retech un programa de apoio á Compra Privada de
Innovación, do que realizará unha convocatoria nas próximas semanas.
Con este novo
programa de apoio, a Xunta pretende fomentar o desenvolvemento de novas
solucións por parte de pemes e centros de coñecemento galegos, capaces de dar
resposta a retos identificados por empresas tractoras que desexen mellorar a
súa competitividade a través da incorporación aos seus procesos de tecnoloxías
de sistemas non tripulados e intelixencia artificial e que estean dispostas a
investir no proxecto.
A iniciativa Retech en Galicia
Ademais deste
proxecto, outras dúas iniciativas promovidas pola Xunta de Galicia (unha
relacionada coa intelixencia artificial e outra coa ciberseguridade) forman
parte dos once proxectos de transformación dixital seleccionados polo Goberno
do Estado na primeira fase do Retech.
Trátase dunha
reprodución virtual de Galicia en forma de xemelgo dixital, que permitirá
planificar e xestionar o territorio de forma intelixente; e dunha proposta para
un espazo de datos de ciberseguridade do Centro de Competencias en ciencias da
saúde, smart transportation, industria conectada e excelencia operativa.
Retech está
impulsada polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, no
marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Este programa de
actuación conxunta promove a articulación de proxectos rexionais orientados á
transformación e especialización dixital, e está aliñado con dous dos
principais obxectivos da Axenda España Dixital: liderar o cambio disruptivo de
maneira inclusiva e sostible, e focalizar os esforzos de dixitalización en
sectores económicos clave.