Avatel lanza Conecta Mesh para garantir unha cobertura potente e estable en todo o fogar

venres, 12 de decembro do 2025 S. P.

Avatel Telecom, operador nacional especializado en servizos de fibra óptica, móbil e televisión, anunciou o lanzamento de Conecta Mesh, o seu novo sistema avanzado para amplificar a cobertura Wi-Fi de “maneira estable e rápida en todos os recunchos do fogar”.
Segundo explica a operadora de raizame galega, Conecta Mesh baséase na creación dunha rede sen fíos unificada mediante nodos interconectados, “unha tecnoloxía que mellora de xeito significativo a experiencia do usuario fronte aos repetidores tradicionais” e onde “os nodos traballan de forma coordinada e dinámica, xestionando o tráfico de maneira intelixente para asegurar que os dispositivos do fogar sempre se conectan ao sinal máis óptimo”.
Engade Avatel que Conecta Mesh “nace para resolver as dificultades habituais en fogares grandes, con varias plantas ou con muros que obstaculizan o sinal”, e ademais ten capacidade para reducir as zonas sen sinal Wi-Fi no fogar, permitindo aos usuarios cambiar de estancia mantendo a conexión de forma estable.
A maiores, Conecta Mesh “será de gran utilidade ás familias que teñan múltiples dispositivos conectados simultaneamente, pois permite un maior rendemento mesmo en actividades que requiren de toda a cobertura de rede posible, como son o teletraballo, o streaming ou o gaming”, engade Avatel.
A incorporación de Conecta Mesh, reforza a estratexia de Avatel orientada a ofrecer unha conectividade superior e unha experiencia máis satisfactoria para os seus usuarios, facendo o seu día a día máis fácil a través de solucións tecnolóxicas de última xeración.