Australia quere pór cancelas á desinformación con sancións aos xigantes tecnolóxicos
venres, 13 de setembro do 2024
- Musk critica burdamente a proposta lexislativa australiana
Australia anunciou que multará as plataformas da Internet con até un 5% dos seus ingresos globais se non impiden a propagación de desinformación en liña, no que parece un avance na mesma liña da Unión Europea, na que se quere por cancelas á difusión de falsidades perigosas.
A nova lexislación australiana ten como obxectivo os contidos falsos que prexudiquen a integridade electoral ou a saúde pública, que inciten á denuncia dun grupo ou ao dano dunha persoa, ou que poidan poñer en risco infraestruturas clave ou servizos de emerxencia.
O proxecto de lei forma parte dunha ofensiva regulatoria máis ampla en Australia, onde os líderes se queixaron de que as plataformas tecnolóxicas domiciliadas no estranxeiro están a sobrepoñerse á soberanía do país, e chega antes dunhas eleccións federais previstas para dentro dun ano.
"A desinformación e a información errónea representan unha ameaza grave para a seguridade e o benestar dos australianos, así como para a nosa democracia, sociedade e economía", dixo a ministra de Comunicacións, Michelle Rowland, nun comunicado. "Non facer nada e permitir que este problema se agrave non é unha opción”.
Rowland declarou que o novo proxecto especifica que o regulador non terá o poder de ordenar a eliminación de pezas individuais de contido ou contas de usuario.
Como era de esperar, este tipo de medidas propostas están a ser mal recibidas por figuras como Elon Musk, que chama «fascistas» aos membros do Goberno australiano, anticipando que X vai ter serios problemas en Australia por mor das carencias que ten a plataforma pola súa falla de moderación de contidos.
Non estamos ante a única medida que afecta á Rede que están a promover en Australia, pois estes días tamén anunciaron que estaban a promover medidas para a protección da infancia no contorno dixital, o que podería desembocar no establecemento dunha idade mínima para poder acceder a redes sociais. Coméntase que tal idade estaría entre os 14 e os 16 anos, e a limitación do acceso a plataformas sociais por parte da cativada respondería a unha seria preocupación pola súa saúde física e mental.