As familias galegas poderán matricular os seus fillos no vindeiro curso a través do móbil

mércores, 21 de maio do 2025 S. P.

As familias galegas poderán formalizar a matrícula escolar dos seus fillos en colexios e institutos para o vindeiro curso 2025-26 a través do teléfono móbil, tal e como anunciou este mércores 21 de maio o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, no pleno do Parlamento de Galicia.
Engadiu que a habilitación deste novo sistema será presentada proximamente nos seus detalles e operará para todas as etapas desde Infantil ata Bacharelato e Formación Profesional. Suporá “un avance” tanto para as familias como para os centros educativos ao dispoñer dunha nova fórmula que convivirá cos trámites en papel para aqueles que así o desexen.
Cómpre lembrar que o prazo de matrícula nos centros escolares para o vindeiro curso é do 20 ao 30 de xuño para os alumnos de Infantil e Primaria e do 23 de xuño ao 7 de xullo para os de ESO e Bacharelato.
Esta nova acción forma parte do paquete de medidas de redución da burocracia, un obxectivo recollido no acordo de mellora do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais. En concreto, “contribuirá de xeito significativo a reducir a carga de traballo dos centros e facilitar a súa xestión interna”.