As empresas colaboradoras de Ciber.gal poderán usar de balde unha plataforma para fortalecer a ciberseguridade en proxectos

luns, 27 de xuño do 2022 S. P.

As entidades adheridas ao Nodo de Galego de Ciberseguridade, Ciber.gal, dispoñen de novos recursos para reforzar a protección de sistemas, redes e datos no ámbito industrial. Así se recolle no acordo asinado este mes de xuño entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Centro de Ciberseguridade industrial (CCI) que pon ao disposición do Nodo a súa plataforma RECIN, que facilita a incorporación de requisitos de ciberseguridade en proxectos industriais.
As entidades vinculadas ao nodo poderán empregar a plataforma do CCI en ata tres proxectos sen custe algún.
Segundo informou AMTEGA, “a ciberseguridade no tecido empresarial é crucial e con este acordo súmanse recursos para a liña de traballo que se desenvolve desde Ciber.gal para concienciar, previr e mellorar a ciberseguridade nas empresas galegas”.
Orixes
En xuño de 2021 constituíuse un grupo de traballo específico nesta liña da ciberseguridade no eido empresarial, englobando actividades destinadas a distintos perfís profesionais, sectores e tipos de empresas. Liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, tamén participan neste grupo de traballo o INCIBE, a FEGAMP, as catro Deputacións e conta coa colaboración dunha vintena de empresas. Este grupo realizou nos primeiros seis meses de 2022 preto dunha vintena de actividades, entre xornadas, obradoiros e relatorios tanto presenciais como online nas catro provincias galegas.
“O acordo de colaboración co CCI é unha iniciativa máis do grupo de traballo para fortalecer o nivel de ciberseguridade da industria galega”, engadiu AMTEGA.
Nodo Ciber.gal
A Xunta, a través de AMTEGA, lidera dende a súa creación en 2020 o nodo Ciber.gal, que aglutina a preto de 40 entidades que unen as súas forzas e recursos para identificar, deseñar e executar accións en materia de ciberseguridade. Trátase da primeira estrutura de colaboración público-privada na materia en España. Ciber.gal ten como obxectivo dar resposta á cidadanía, empresas e sector público en materia de ciberseguridade así como o fomento do talento e a innovación neste eixo.
A través desta iniciativa mantéñense convenios de colaboración coas dúas entidades públicas encargadas de velar pola ciberseguridade en España: o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), que depende do Ministerio de Defensa; e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), que depende do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.
Centro de Excelencia de Ciberseguridade
Entre as medidas para impulsar a ciberseguridade en Galicia, este ano a Xunta iniciará a construción do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) que implicará un investimento para a súa posta en marcha duns 4,2 millóns de euros. O CECIGA ten como obxectivo desenvolver a ciberseguridade como motor de transformación económica e social.
Terá como misión contribuír ao fortalecemento e potenciación da seguridade na Administración pública, as empresas e a cidadanía, así como apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación e o desenvolvemento de talento especializado en ciberseguridade. Potenciará, así mesmo, as relacións institucionais e a promoción do nodo Ciber.gal en España e Europa.
Na actualidade, a Xunta traballa na definición da nova Estratexia Galega de Ciberseguridade 2022-2027, que se presentará este ano e que reforzará as liñas actuais de traballo e recollerá as accións e medidas precisas para executar os compromisos de gobernanza e cumprimento normativo do novo Esquema Nacional de Seguridade.

PUBLICIDADE