Ampla presenza galega en Expodrónica
luns, 25 de setembro do 2023
A directora da
Axencia Galega de Innovación, Patricia
Argerey, destacou hoxe en Madrid o posicionamento internacional acadado polo
Polo Aeroespacial de Galicia durante a inauguración do Civil UAVs
Initiative Theatre, un foro de coñecemento que se realiza na feira Expodrónica,
que é un evento profesional internacional especializado no segmento dos
vehículos non tripulados que se celebra no marco da Airspace Integration Week
Madrid, congreso que de celebra até o día 28 no recinto feiral IFEMA e no
aeródromo de Cuatro Vientos.
Na súa
intervención Argerey referiuse, de forma específica, aos positivos datos de
exportación rexistrados polas pemes tecnolóxicas galegas do segmento dos
sistemas non tripulados e á capacidade de atracción de proxectos e talento
internacional do Polo Aeroespacial de Galicia, poñendo en valor as 144
propostas de 25 países recibidas na última convocatoria da Business Factory
Aero.
A directora
destacou ademais que a traxectoria de internacionalización do sector
aeroespacial galego apunta a unha crecente competitividade, atendendo aos datos
das súas exportacións, segundo se reflicte no informe sobre Instrumentos de
apoio á internacionalización do sector aeroespacial do Observatorio da
Industria Aeroespacial. Neste sentido, sinalou que nos períodos 2013-2017 e
2018-2022 cuadriplicáronse as vendas ao exterior do sector aeroespacial galego,
pasando de 14 a 54 M€, e crecendo a un ritmo máis acelerado que o conxunto
nacional.
Neste foro, a
directora da Axencia Galega de Innovación anunciou que a Xunta de Galicia
lanzará nos primeiros días de outubro unha consulta preliminar ao mercado que
será a base para desenvolver un novo programa de solucións que se presente á
liña de Fomento da Innovación desde a Demanda (liña FID) do Ministerio de
Ciencia e Innovación que fomenta as actuacións de Compra Pública de Innovación
(CPI) entre os organismos e entidades do sector público, cofinanciada con
fondos FEDER.
Ampla presenza galega
Galicia conta
cunha ampla presenza en Expodrónica e na Airspace Integration Week. Así, no
espazo expositivo do Polo Aeroespacial de Galicia están presentes, ademais do
Consorcio Aeronáutico Galego, un total de dezaseis empresas e centros de
coñecemento: Avincis, Telespazio, Alter, Bahía Software, Catec, Centum, Cielum
by Dronfies, Cuatro Digital, Fuvex, Gradiant, Ingeniería InSitu, Instituto
Tecnológico de Galicia, Lupeon, Pildolabs, UAV Works e Utingal.
Diferentes
axentes do ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia, como os socios
estratéxicos da Xunta Avincis e Telespazio, que participaron na mesa redonda de
apertura con Patricia Argerey, exporán estes días no Civil UAVs Initiative
Theatre as solucións desenvolvidas no Polo Aeroespacial de Galicia e as súas
diferentes aplicacións.
Gradiant,
Pildolabs Galaica, FuVex, Ingeniería InSitu e Bahía Software abordarán
temáticas como a eficiencia de operacións de drons con vídeo analítica, o uso
de vehículos non tripulados de longo alcance para garantir a seguridade da
rede, a monitorización de voos máis alá da liña de vista ou o uso da
intelixencia artificial aplicada á observación da biodiversidade. Cuatro
Digital, Catec, Utingal e Lupeon falaron, no seu caso, de arquitecturas de
backend e interfaz de usuario en sistemas de misión, novas tecnoloxías para
sistemas non tripulados altamente autónomos, vantaxes dos materiais compostos e
procesos de fabricación innovadores aplicados a drons e solucións de hardware
lixeiro para vehículos non tripulados mediante fabricación aditiva.