Airis lanza unha videocámara que rexistra en formato MPEG4
mércores, 10 de outubro do 2007
Nestes tempos en que devecemos por rexistrar todo o rexistrado e contamos os minutos até cae nas nosas mans algunha víctima á que amosarlle a nosa colección de fotografías e vídeos dixitais da viaxe de vodas a Punta Cana, a industria fai todo o posible por facilitar o camiño. Por unha banda permítenos rexistralo todo máis e mellor e, pola outra, incrementa a desesperación dos devanditos incautos que agora teñen que ver, como mínimo, 1.000 fotografías e cinco horas de vídeo de xente con camisas de palmeiras. Toda esta enleada vén a conto para presentar a videocámara VC001 de Airis, que é unha das poucas que permite gravar en formato MPEG4 (máis calidade de imaxe) e que inclúe pantalla LCD TFT en cor de 2,4 polgadas.
Amais diso, tamén incorpora un sensor de imaxe de 5,2 megapíxeles e un tamaño ideal para carrexala na maleta vía Punta Cana ou calquera outro destino que se ocurra onde haxa bos escenarios que rexistrar: ten un peso de 142 gramos e unhas dimensións de 95x71x34. Asemade, inclúe unha pantalla xiratoria de 270 graos, unha memoria interna de 64 MB, porto USB 2.0, conexión de auriculares e compatibilidade con sistemas PAL e NTSC. O seu prezo é de 129 euros.