Abre as súas portas en Pontevedra a novena edición da Pont-Up Store

venres, 23 de setembro do 2022 S. P.

Este venres 23 de setembro abriu as súas portas a nova edición (a novena) da feira de emprendemento Pont-Up, focalizada na praza de España de Pontevedra pero con actividades espalladas por toda a contorna da cidade. O evento inaugurouse despois de tres xornadas de actividades previas nas que participaron 120 persoas. Na carpa da praza de España mostraranse preto de 40 modelos de negocio (outras tantas iniciativas empresariais novas lucindo achados e ideas innovadoras). “A cidade será un fervedoiro de actividades vinculadas ao ecosistema emprendedor cun programa no que se evidencia unha aposta decidida pola innovación social, a creatividade e a sustentabilidade, como ferramentas indispensábeis para o éxito das iniciativas emprendedoras”, sinalaron as entidades organizadoras do evento (Campus Crea de Pontevedra, Grupo G4 Plus e Concello), engadindo que a feira de talento Pont-Up Exprés volverá ser unha das actividades estrela do programa.
Contra media mañá, o encontro inauguraba oficialmente esta novena edición cun acto de apertura no que participaron (entre ouros) o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa Roger; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o delegado de estado Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades Fernández; o deputado de Economía e Facenda da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font; e a directora Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao Rodríguez.
O director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa Dorrego, apuntou que nas tres xornadas previas participaron 120 persoas nas actividades formativas programadas para axudar ás empresas no desenvolvemento de competencias. O director do encontro declarou que desde a organización “hai unha aposta decidida polo emprendemento que amosa responsabilidade social na súa forma de entender a empresa, con modelos de negocio innovadores, que contemplan a sustentabilidade dun xeito transversal” e engadiu a súa satisfacción por poder contar na carpa deste ano con máis dun 50% de empresas nacidas en pequenas vilas e aldeas “que nos envían un sinal esperanzador contra o despoboamento do rural”, e tamén con case un 80% dos emprendementos liderados por mulleres, "o que sen dúbida amosa que estamos diante dun país máis innovador, máis sostible e máis igualitario".
A feira Pont-Up Store ofrecerá este ano máis de 30 actividades ás que se poden asistir presencialmente e tamén en liña, todas elas de balde. Máis da metade das sesións están destinadas a adquirir ou mellorar competencias básicas ou específicas. Destacan as relativas ás empresas de economía social e os emprendementos sustentábeis.
Algunhas propostas punteiras
Dentro das liñas de negocio con compromiso ambiental destaca Airco2, que se dedica a eliminar a pegada de carbono nas empresas con monte de proximidade ao tempo que permite gañar un diñeiro coa xestión das árbores. Trátase da primeira green fintech española que permite descarbonizar grazas a un marketplace que dá acceso a empresas e propietarios forestais. No ámbito das enxeñarías, Beniu Soluciones SL centra os seus servizos en atender as necesidades do noso rural, empregando técnicas de agricultura de precisión principalmente mediante drons. A mobilidade eficiente volve ter o seu espazo coa proposta de 2ebike, que presentará un vehículo con múltiples aplicacións, tanto para envíos de paquetes omo para persoas. Co sector dos videoxogos en plena expansión no noso país, a empresa Digital Monster dará a coñecer en Pontevedra a súa produción de videoxogos galegos e tamén servizos de outsourcing para outras empresas, realizando traballos de arte, animacións, deseño de entornos, ou advergame. En canto ao coidado persoal e das nosas mascotas, Supermenta chega cunha liña de produtos especializados feitos a base de cannabis; e Yowup innova cun iogur para gatos e cans. O sector do téxtil volve contar con propostas destacadas entre as que destacamos Iniqual, por lanzar unha marca de xénero non binario especializada en roupa de confort; e Mexas, que nos trae zapatos de coiro 100% feitos a man en México con tintes vexetais. O sector da alimentación está representado por novos negocios que xorden para cubrir ocos que aínda contan con pouca oferta e que poñen en valor a nosa tradición gastronómica. Neste caso Vioncas Bake chega cunha liña de empanadillas gourmet artesás, que se venden a toda España e Portugal.
Entidades organizadoras
A feira Pont-Up Store é unha iniciativa da UVigo e o Grupo G4 Plus, liderada polo Campus CREA de Pontevedra, e conta co apoio da Concellaría de Promoción Económica do Concello como patrocinador principal, e tamén co respaldo da Deputación de Pontevedra, Abanca, Zona Franca e R, entre as máis de 50 entidades públicas e privadas que durante estes anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento pontevedrés e galego.
Nos labores de organización e coordinación, o encontro conta tamén coa participación da Asociación para o Emprendemento e Innovación Pont-Up Store.

PUBLICIDADE