AMTEGA e CPEIG fomentan o talento dixital da rapazada a través dunha nova edición de Tech Kids
martes, 27 de agosto do 2024
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), puxo en marcha unha nova edición do programa Tech Kids, destinado a fomentar as vocacións tecnolóxicas entre a rapazada. Este ano a iniciativa desenvolverase baixo o lema Argallando entre xeración, buscando a colaboración interxeracional na resolución de diferentes retos tecnolóxicos.
As actividades, que arrancan este mércores 28 na Aula CeMIT de Santa Comba, desenvolveranse ata outubro a través de sesións formativas de carácter práctico e presencial nas aulas CeMIT de diversos concellos de toda Galicia. Ademais, o día 10 de setembro celebrarase unha sesión formativa no Centro Gaiás Tech na Cidade da Cultura. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse a través da páxina web da Rede CeMIT.
As actividades están destinadas a rapazas e rapaces de entre 12 e 18 anos, que durante 4 horas realizarán actividades de deseño e modelado en 3D, práctica guiada de construción e programación dun robot ou experiencias inmersivas en Realidade Virtual.
O obxectivo da AMTEGA e o CPEIG é que “a partir desta aprendizaxe se senten os alicerces para poder deseñar e desenvolver voluntariamente un reto científico-tecnolóxico en equipo, integrado por persoas de diferentes xeracións”. Os proxectos resultantes destas actividades publicaranse na páxina web e nas redes sociais do programa Tech Kids - Argallando entre Xeracións e premiarase aos mellores equipos participantes e proxectos realizados nun acto de entrega que se realizará no Centro Gaiás Tech a finais do mes de outubro.