A aventura dixital Hábitats. Natureza estendida permitirá explorar no Gaiás a biodiversidade do planeta
luns, 4 de decembro do 2023
O
conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presentou este luns 4 de
decembro no Gaiás unha nova instalación inmersiva na Cidade da
Cultura que combina arte e tecnoloxía. Trátase
de Hábitats. Natureza estendida, en palabras do
conselleiro “unha aventura sensorial que emprega Realidade Virtual
e Aumentada para levar ao público a viaxar polos cinco continentes
sen saír do Museo Centro Gaiás”. Román Rodríguez subliñou o
carácter accesíbel desta proposta, “concibida para todos os
públicos atendendo aos conceptos de sustentabilidade e cultura
inclusiva”. De feito, fíxose un esforzo especial por garantir que
poidan contemplar a mostra persoas de mobilidade reducida. A maiores,
empregáronse nela materiais reciclados e biodegradábeis.
“Desde
os 9 anos en adiante, todas as galegas e galegos poderán poñer as
lentes de Realidade Virtual e vivir esta experiencia con seguridade”,
asegurou, engadindo que “as persoas visitantes atravesarán o andar
1 do Museo Centro Gaiás provistas dunha lentes de realidade mixta
que lles permiten ver en todo momento o mundo físico ao seu redor e,
sobre el, as capas de RV nas que se desprega unha natureza vibrante”.
Deste xeito, ata dez persoas poderán percorrer de maneira simultánea
a instalación.
As
mans virtuais que imitan en tempo real os movementos dos dedos fan
tamén que sexa sinxelo para calquera interactuar cos elementos
virtuais da experiencia. Durante o percorrido, as persoas visitantes
poderán observar de preto e incluso tocar animais e plantas como
axolotes, leoas, corais, acacias, focas e elefantes, entre outras
moitas.
O
director do proxecto, Carlos Seijo, explicou no acto que as
recreacións das especies animais e vexetais de Hábitats están
realizadas cunha plasticidade que busca a empatía fronte ao
hiperrealismo. A natureza ilumínase desde o interior e faise
translúcida, mostrándose fermosa e vulnerable para aguilloar as
conciencias.
Con
esta nova instalación inmersiva, a Cidade da Cultura amplía a súa
oferta de contidos vencellados á arte dixital e ás novas
tecnoloxías, logo da pioneira Carne y Arena, creada polo
director Alejandro González Iñárritu, e das experiencias de
realidade virtual incluídas no catálogo do Galiverso. “Facémolo
ademais apostando polo talento galego nos eidos das artes visuais, o
modelado e animación 3D e a programación”, salientou o
conselleiro.
A
instalación no andar 1 do Museo Centro Gaiás inclúe nove
escenarios representativos doutros tantos ecosistemas do planeta: as
zonas húmidas de Xochimilko en México, a selva amazónica do Perú,
o deserto de Sonora nos Estados Unidos, o mar de Weddel na Antártida,
a Cova de Ceza no Courel, a sabana en Kenia, os areais da reserva de
Ras Al Jin en Omán, a Gran Barreira de Coral australiana e os fondos
oceánicos.
As
persoas visitantes disporán de 40 minutos para explorar os
diferentes escenarios, guiados por unha voz en off (en galego,
castelán e inglés) que vai revelando detalles e información de
interese sobre as especies animais e vexetais que se atopan en cada
ecosistema.
As
entradas pódense mercar a un prezo de 3 euros a través de Ataquilla
e no Museo centro Gaiás. A partir de xaneiro, a Cidade da Cultura
ofrece tamén a posibilidade de concertar visitas gratuítas á
instalación para os centros de ensino galegos.