A Zona Franca desembarca en Mindtech mostrando casos de éxito como HTA, StartTIC e Ardán
luns, 16 de xuño do 2025
A Zona Franca de Vigo recala este martes na feira Mindtech, que se desenvolve do 17 (martes) ao 19 de xuño da man de ASIME, Asociación de Industriais do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia. Neste marco, a Zona Franca realizará a presentación de casos de éxito como o da incubadora de Automoción HTA, a incubadora de alta tecnoloxía que, liderada polo Consorcio xunto ao centro tecnolóxico Gradiant e a Cámara de Comercio, instalarase no Polo TIC de López Mora, ou o Servizo de Estudos Ardán que, xunto á Universidade de Vigo deseña, elabora e difunde estudos e ferramentas baseados na investigación científica, a transferencia de coñecemento e a vixilancia da contorna empresarial e socioeconómica.
A Zona Franca dispoñerá para iso no recinto do IFEVI dunha caseta propia que co lema de Máis emprego, máis innovación e máis futuro, será o escenario das presentacións. Con case 50 metros cadrados, o espazo dispón de aforo para o público e elementos dinámicos, así como material informativo dos programas do Consorcio.
O mércores ás 12.00h será a primeira presentación co Servizos de Estudos Ardán cono protagonista. Será unha exposición en directo das particularidades deste servizo, singular e pioneiro en España, baseado en informes e plataformas de información, cunha base de datos de máis de 200.000 empresas españolas e series históricas de máis de 25 anos, que son utilizados para a toma de decisións no ámbito empresarial público e privado, contribuíndo ao desenvolvemento económico e social de Galicia. Unha hora e media máis tarde, ás 13.30h, será a quenda no mesmo escenario para a presentación da HTA. Á incubadora para o fomento da innovación e a transferencia de tecnoloxía ao sector da automoción, que foi seleccionada pola Conferencia das Zonas Francas Iberoamericanas como un dos tres proxectos máis relevantes en innovación, sustentabilidade e novas tecnoloxías.
Segundo a Zona Franca, “cun orzamento de case 2 millóns de euros, a Higt Tech Auto destaca polos seus talleres de fomento da innovación e a creatividade, de modelos de negocio e Lean Startup, e de acceso a financiamento e contabilidade en fase 0; e tamén polo seu programa de mentoring do sector de mobilidade e de emprendedores durante a incubación ou os programas de networking”. A formación técnica desta incubadora dispón de Autolab con áreas de prototipado rápido, de Electrónica, de 5G con Edge Computing, de CNC, de Robótica e de Dixitalización con Hard Software.
Finalmente, o xoves ás 11.00h, tamén na caseta oficial do Consorcio, presentarase o modelo de emprendemento da Zona Franca e a incubadora de Alta Tecnoloxía StartTIC que será protagonista do novo HUB TIC que o Consorcio está a realizar no Complexo de López Mora. Liderada por Zona Franca, con socios como Gradiant e a Cámara de Comercio, StartTIC conseguiu a máxima puntuación da convocatoria de INCYDE en toda España para obter financiamento europeo e conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros.