A Xunta lanza un proxecto piloto de reclamación dixital en materia de consumo
martes, 27 de agosto do 2024
O Goberno galego activou un proxecto piloto de reclamación dixital en materia de consumo co obxectivo de axilizar este proceso e “garantir a protección dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias”. O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado da xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, e pola presidenta do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, Rosa Celia Otero, presentaron recentemente esta iniciativa no local de Creativas Galegas, en Santiago de Compostela.
Alí o director xeral explicou que “este establecemento é o único que contará con este sistema durante a primeira fase do proxecto piloto”, que se prevé estender progresivamente a outros negocios de Galicia. Amais, salientou “a importancia desta iniciativa”, xa que “dota de simplicidade, axilidade e eficacia o proceso de reclamación en materia de consumo garantindo a defensa das consumidoras e consumidores e ofrecendo ás empresas unha ferramenta áxil de comunicación cos seus clientes”.
Ademais, agradeceu a colaboración e implicación do establecemento santiagués e destacou o seu compromiso coa calidade, o bo facer e a procura da satisfacción das persoas consumidoras e usuarias.
A través deste sistema, estas persoas poderán presentar as súas reclamacións de maneira dixital a partir do escaneo dun código QR que as dirixirá a un formulario virtual no que cumprimentar os seus datos persoais e o motivo da súa reclamación, que será remitida de maneira electrónica á empresa. De forma automática, recibirán un correo electrónico de constancia dando conta do día e a hora da presentación da súa reclamación ante o establecemento e indicándolles que se abre un prazo dun mes para que a empresa lles remita contestación por calquera medio que permita a súa constancia.