A Xunta avala aos centros educativos para o ensino virtual
venres, 29 de xaneiro do 2021
O Comité
Educativo certificou, na reunión deste
venres 29, que "o
sistema está preparado para a docencia virtual”,
con horarios-espello, aulas virtuais operativas e 30.231 profesores
formados. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román
Rodríguez, insistiu na prioridade de manter o ensino presencia, pero
se a situación sanitaria o esixira, os centros están preparados
para a atención virtual.
En Galicia, dos 1.226 centros
públicos, só 26 teñen aínda pendente a adaptación de algunha
materia, área ou módulo á docencia virtual, polo que o
departamento educativo xa está traballando con todos eles para
solucionar as posíbeis
eivas detectadas e acadar canto antes que tódolos centros estean
preparados.
No caso de que se teña que
optar polo ensino non presencial, a Xunta dispón dun banco de 4.000
equipos informáticos en stock e 14.500 equipos pendentes de
subministro por parte do Goberno do Estado que estarían á
disposición do alumnado que o precise. Gran parte do profesorado,
nestes momentos 30.231 docentes (22.175 deles xa acreditados)
participaron nas accións formativas en competencias dixitais para
levar a cabo a modalidade virtual con garantías.
Na reunión de hoxe, tamén se
tratou unha proposta de traballo para mellorar a atención ao
alumnado vulnerábel
en caso de confinamento, a través dun plan que será completado nos
próximos días. “O sistema educativo galego é froito dun
importantísimo traballo de adaptación, cun sobreesforzo por parte
do profesorado”, asegurou Román Rodríguez. A idea que mantén a
Xunta é a de dispoñer dunha folla de ruta que permita poñer en
marcha todos os recursos dispoñíbeis
para afrontar a docencia virtual en caso de que fora necesario.