A TV do deporte galego xa conta con 30 recintos operativos para emitir na tempada 24-25
xoves, 1 de agosto do 2024
A galega Cinfo compartiu en xullo novidades sobre o seu acordo conxunto coa Federación Galega de Fútbol para lanzar na tempada 24-25 a televisión do deporte autonómico galego. Así, desde o lanzamento oficial do proxecto a primeiros de xuño, 30 recintos xa foron instalados e están operativos para comezar coas emisións. Cinfo continuará co plan de instalacións durante todo o verán para que ao comezo das ligas, os 120 campos incluídos na primeira fase conten co preciso para emitir.
“Desa forma”, explica a empresa que dirixe Antonio Rodríguez del Corral, “no primeiro mes desde a sinatura do acordo coa Real Federación Galega de fútbol e o lanzamento oficial da canle, unha cuarta parte dos recintos incluídos para a primeira fase xa están preparados para comezar as emisións”.
Nesas instalacións terminadas xogan todo tipo de deportes; fútbol, fútbol sala, balonmán, baloncesto voleibol, patinaxe….
“Queremos que calquera afeccionado de calquera deporte, poderá ver os campionatos e partidos dos seus clubs preferidos a través da televisión do deporte galego”, sinalan dende a empresa coruñesa.
Segundo explicou recentemente Antonio Rodríguez del Corral, director de Cinfo, a televisión do deporte autonómico galego é unha plataforma de televisión por Internet que permitirá a todos os seareiros ao deporte ver aos seus equipos locais e que estará dispoñíbel vía apps de dispositivos móbiles, de Smart TV, en Android TV e en navegadores. No servizo de navegadores dispoñerá ademais de servizo multicámara e de vista táctica para adestradores.
Con este acordo, 123 equipos galegos, tanto masculinos como femininos, que xogan nas ligas autonómicas de fútbol e fútbol sala estarán dispoñíbeis nunha única plataforma.
A emisión dos partidos utiliza o sistema de Intelixencia Artificial e de produción na nube de Cinfo que “permitirá emitir todos os partidos minimizando o custo e sen baixar a calidade, xa que os eventos poderán ter locución, repeticións, marcador e todo o necesario para ter unha produción atractiva”, explicaron fontes da empresa galega, engadindo que o centro de produción e control será instalado no CSA da Cidade das TIC.
Esta plataforma será gratuíta para todos os afeccionados e está aberta ao resto de clubs e federacións de Galicia para que poidan emitir as súas ligas e crear unha comunidade do deporte galego ao redor desta televisión
O proxecto ten un modelo cooperativo. Os propios clubs poderán xestionar o seu inventario de publicidade en mesmo ter os seus propios locutores, con presenza en pantalla.