A RØDECaster Pro II busca solucionar as demandas de audio dun amplo abano de creadores de contido

martes, 24 de maio do 2022 Marcus Fernández

Nos últimos anos RØDE gañou peso entre os creadores de contido, e moi especialmente entre os podcasteiros, sen un dos seus produtos estrela a mesa de mesturas RØDECaster Pro, que vén de presentar a súa sucesora, que podemos ver como un paso adiante para converterse nun estudio de produción sonora máis completo, que poidan satisfacer a streamers, podcasters, músicos e moitos outros creadores de contido.
A RØDECaster Pro II é basicamente unha mesa de mesturas con preamplificadores de alta ganancia (até 76 dB, polo que non precisaría de accesorios adicionais para empregar micrófonos como o célebre Shure SM7b) e un nivel de ruído ultra baixo de xeito que permite o uso de até 4 micrófonos e instrumentos mediante XLR, ten 6 controladores de volume físicos (aínda que internamente pode xestionar até 9 canles sonoras), inclúe 8 botóns programables (pensados principalmente para disparar sons pregravados, pero que tamén serven para aplicar efectos dun xeito áxil), permite integrar chamadas telefónicas mediante Bluetooth, coa dobre conexión USB-C pode conectarse a dous ordenadores ou dispositivos móbiles, permite facer gravacións multipista (ou estéreo) en tarxetas microSD, memorias USB ou ordenadores e incluso integra unha pantalla táctil de 5,5 polgadas. Incluso conta con Wi-Fi e Gigabit Ethernet, polo que confíase en que teña unha boa integración con outros equipos e dispositivos.
Este atractivo produto chegará ao mercado en tres semanas, sendo o seu prezo recomendado nos EE.UU. de 699 dólares (nalgunhas tendas europeas figura a 799 euros), o que é considerablemente máis caro que o modelo anterior, o que parece querer mandar a mensaxe de que estamos ante un produto máis ambicioso, que non se conforma con ser unha mesa de mesturas para podcasters, e pretende ofrecer máis posibilidades.

Vídeo de presentación da RØDECaster Pro II

PUBLICIDADE