A Escola de Enxeñería Industrial acolleu a 9ª edición de Robots en Acción cunha grande participación

luns, 20 de abril do 2026 S. P.

O pasado venres 17 de abril 452 estudantes de ensino medio de toda Galicia, incluíndo Ensino Secundario Obrigatorio, Bacharelato e Formación Profesional, participaban na Escola de Enxeñería Industrial (Vigo) na 9ª edición da súa Competición de Robots: Robots en Acción. Trátase dunha cita coa que o centro busca que mozas e mozos, “lle perdan o medo á tecnoloxía e se divirtan con ela”, tal e como salientou no comezo da xornada o ex-director da escola, Juan Pardo Froján, un dos dos principais impulsores desta iniciativa.
Botando unha ollada á primeira edición, o venres 24 de abril de 2015, cada ano, sempre coincidindo nun venres, a escola organiza unha nova edición desta particular competición. Nesta ocasión chegaron participantes desde: Allariz, A Guarda, A Estrada, Mos, Valga, Salceda de Caselas, Rois, Vigo... 292 rapaces e 159 rapazas divididos en 92 equipos, sendo 4º da ESO o curso que achegou máis participantes (248 estudantes divididos en 48 equipos), seguido de 1º de Bacharelato (106 estudantes en 22 equipos).
Indo ao encontro, ao longo de toda a mañá os equipos enfrontáronse ás diferentes roldas de probas. No caso da categoría Be Robot, para alumnado de ESO e Bacharelato, cada robot debía participar en dúas probas, o Segue-liña marchoso (con obstáculos e un lombo), na que o robot ten que ser quen de seguir un camiño marcado no chan do circuíto por unha cinta adhesiva branca de aproximadamente 2 cm de ancho sobre un fondo escuro, e Varrendeiro-cebra, na que dentro dun recinto circular (delimitado por unha liña branca sobre fondo negro) de arredor dun metro de diámetro se dispoñen 4 latas de refresco brancas repartidas de xeito aleatorio e tamén diferentes tiras brancas a xeito de paso de cebra. “O robot debe sacar do recinto todas as latas no menor tempo posible permanecendo sempre no interior do recinto e sen pasar por enriba das liñas do paso de peóns”, explican desde a organización.
Na categoría DemoRobot, para estudantes de FP e universidade, a competición abranguía catro probas, tres individuais e unha colectiva: Rastrexo (individual) que consiste en seguir un camiño marcado no chan; Labirinto (individual), sobre un recinto rectangular de aproximadamente 1,50x1,50 metros; Tripla penalti con illa (individual) dirixido a sacar todos os atrancos do recinto entre os paus que lle correspondan; e Sumo (colectiva), na que o robot debe tentar sacar o seu opoñente do campo de xogo e evitar que o saquen a el.
Asemade, desta volta contouse co desenvolvemento en paralelo do primeiro reto Compyrobot, en colaboración coa empresa Binarial no que participaron estudantes e docentes dunha decena de centros que tomaron parte na pasada edición e que entre os meses de outubro de 2025 e febreiro de 2026 tiveron que mapear unha ruta de cando menos 20 metros, dentro das instalacións dos seus centros e percorrela do xeito máis eficiente co robot móbil Compy, de Binarial, que deberon programar para acadar o mellor resultado
En canto aos premios, logo das finais, ao mediodía entregáronse os premios aos primeiros, segundos e terceiros clasificados nas diferentes categorías (1º+2º ESO, 3º+4º ESO, 1º+2º BACH e DemoRobot), así como os galardóns ao robot máis orixinal e o premio STEAM, que se outorgou en colaboración con AER Automation (Asociación Española para la Robótica y la Automatización). Alén disto, tamén tivo lugar a entrega dos recoñecementos aos centros participantes no 1º Reto COMPY Robot, organizado con motivo da conmemoración de X Aniversario na pasada edición.