A Deputación da Coruña renova por 40.000 euros o convenio para o financiamento da aplicación A liña do galego
mércores, 26 de novembro do 2025
A Deputación da Coruña segue a apoiar iniciativas a prol do galego. A deputada de Lingua, Sol Agra, asinou na sede provincial dous convenios coa Mesa pola Normalización Lingüística e coa Asociación Cultural Correlingua, por un importe conxunto de 60 000 euros. Un destes convenios leva parello un apoio de 40.000 euros para financiar o servizo-aplicación da Mesa A liña do galego, dende a que podemos, co noso dispositivo, denunciar vulneracións dos nosos dereitos lingüísticos así como achegar parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego.
Agra destacou o compromiso da institución co galego a través da súa Unidade Técnica de Normalización Lingüística, “que desenvolve diversos programas dirixidos á poboación e ás entidades da provincia para conseguir a implicación progresiva de todos os colectivos no proceso de recuperación social da lingua galega, fomentando o seu uso e prestixio en ámbitos como a educación, a cultura, o deporte, as novas tecnoloxías e a comunicación”.
A deputada e o presidente da Mesa, Marcos Maceira, renovaron o acordo para o financiamento do programa A liña do galego, para o que a Deputación achegará neste exercicio 40.000 euros, o 80 por cento do orzamento. A liña do galego dispón dun número de teléfono, correo electrónico e aplicación móbil para Android e Apple nos que tramita queixas en relación con institucións, empresas e outras entidades que vulneran os dereitos lingüísticos e incumpren acordos e lexislación nacional, estatal e internacional en materia lingüística. Tamén apoia e recoñece a quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego.
O orzamento destinarase a persoal para atención, xestión e asistencia xurídica (43 000 euros); comunicación dos actos relacionados co servizo (5600 euros); renovación e actualización da aplicación móbil (300 euros); deseño e impresión do informe anual (600 euros); distribución de material informativo (500 euros).
Agra tamén asinou con Suso Bermello, en representación da Asociación Cultural Correlingua, o convenio polo que Administración provincial investirá 20 000 euros, case o 55 por cento do orzamento, no proxecto Correlingua, que en 2025 tivo como lema A mocidade activa por unha lingua viva.
Correlingua é unha iniciativa de carácter lúdico, educativo e reivindicativo que desde 2001 convida a mocidade, alumnado e centros de ensino de diferentes niveis a participar nun acto público de reivindicación do dereito de medrar en galego. O programa esténdese ao longo de todo o ano con actividades que teñen por obxecto traballar sobre a lingua e contribuír á sensibilización co idioma, dándolle protagonismo ao alumnado na preparación de contidos.
