A Cidade das TIC inaugura o seu Centro de Servizos Avanzados
venres, 20 de outubro do 2023
O presidente da
Xunta de Galicia, Alfonso
Rueda, inaugurou hoxe o primeiro dos edificios en poñerse en marcha na Cidade
das TIC, o Centro de Servizos Avanzados (CSA), nun acto co delegado do
Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o presidente
da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o presidente do Clúster TIC
Galicia, Antonio Rodríguez del Corral; e o reitor da Universidade da Coruña,
Julio Abalde.
O acto contou coa
presenza de numerosas autoridades así como de representantes das principais
empresas do sector tecnolóxico e membros da comunidade universitaria da Coruña,
nun aforo de máis de 350 persoas.
O presidente do Clúster
TIC, Antonio del Corral, fixo un breve percorrido pola historia do CSA, cuxa
idea comezou a xestarse en 2018. Destacou o amplo respaldo que recibiu a
iniciativa dende o comezo por parte das empresas tecnolóxicas, administracións
(Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Ministerio de Defensa), a Xunta, a
través do Igape, e a Universidade da Coruña, conscientes de que o sector TIC é
un dos principais motores de crecemento da economía, acelerado pola pandemia.
“A nosa proposta
é que o CSA contribúa a acelerar todas as actividades de innovación galegas, xa
que todos os beneficios que xere, vanse investir en desenvolver máis
tecnoloxía”, indicou. Ademais, del Corral deixou claro que o edificio non é do
Clúster, nin do CSA: “queremos que sexa de todo o sector tecnolóxico de Galicia
e que sexa parte da nosa casa común”.
Para o reitor da
Universidade da Coruña “hoxe é un día de celebración para todos e todas”. Julio
Abalde apuntou que “esta iniciativa nace da idea que ten a Universidade da
Coruña do modo de facer transferencia de coñecemento”. “A transferencia como
mellor se fai é traballando conxuntamente para que se desenvolva o coñecemento
e se aplique de forma inmediata”, definiu.
O reitor fixo
historia ao lembrar como se xestou o proxecto do complexo da Cidade das TIC,
que comezou o 20 de outubro de 2018, nunha reunión entre a UDC e o Clúster.
Este proxecto iníciase pois cun diálogo entre o público e o privado, “seña de
identidade da UDC”. Esta idea de 2018, plasmouse en febreiro de 2020 coa cesión
das instalacións por parte do Ministerio de Defensa e, cunha pandemia polo
medio, “finalmente se materializa hoxe”. Abalde resumiu o complexo da Cidade
das TIC como un proxecto baseado en cinco piares. Un centro no que a
Universidade poida facer investigación e formación; un centro tecnolóxico, o
CSA; un centro de emprendemento para a creación de empresas; parte empresarial
para que as empresas consolidadas traballen conxuntamente nun ambiente de
innovación e un polo audiovisual son as cinco patas nas que se sustenta a
Cidade das TIC, segundo explicou o reitor, quen rematou a súa intervención
agradecendo o apoio do Clúster TIC de Galicia, de todas as administracións
implicadas neste proxecto, así como da propia comunidade da Universidade da
Coruña.
O presidente da
Deputación definiu a Cidade das TIC como “un escaparate para que a sociedade
galega e a sociedade internacional vexa que se pode facer tecnoloxía desde
Galicia”. Valentín González Formoso tivo unhas palabras de recoñecemento para
Julio Abalde. “O reitor tivo un papel moi difícil, conseguir o consenso entre
todas as administracións e este papel hai que recoñecelo”, destacou concluíndo
que “este edificio alberga unha aposta por un país de futuro”.
O delegado do Goberno, Pedro Blanco, repasou o arduo traballo que permitiu a cesión do terreos para construír este parque: “o primeiro dos compromisos cumpridos deste Goberno coa Coruña. Terreos cun valor de mercado superior aos 50 millóns de euros”. E puxo en valor a aposta conxunta das distintas administracións implicadas, que “demostramos estar á altura deste desafío”. Tamén recoñeceu o papel dos traballadores da Fábrica de Armas: “foron eles os que permitiron manter este patrimonio industrial histórico e que chegase nas mellores condicións aos actuais xestores”.
Para
a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a inauguración do CSA “é algo máis que un mero
acto institucional, é a concreción dun soño de cidade e un desexo de país”.
Inés Rey agradeceu ao reitor “o seu traballo e compromiso abrindo o coñecemento
ao servizo de todos”. “No Concello imos da man coa Universidade, con ela
crearase esa empresa pública que xestionará a AESIA”, recoñeceu engadindo que
“A Coruña é un faro de modernidade de Galicia, tamén para as novas tecnoloxías”,
pois na contorna da cidade herculina hai máis de 500 empresas ligadas ao sector
TIC que facturan máis de 1.100 millóns de euros.
Finalmente, o
presidente da Xunta apuntou que a antiga Fábrica de Armas unha vez que pechada
podería ter tres usos “deixala esmorecer, a especulación inmobiliaria ou a
rehabilitación para outros usos”, e “non era unha tarefa doada”, recoñeceu
Rueda gabando o resultado obtido no CSA para o servizo de pequenas e grandes empresas
que poden traballar na Cidade das TIC. Estas instalacións “están a disposición
de todos os que queiran vir traballar á Cidade das TIC porque toda a formación
que se necesita a diario no mundo das TIC vaise impartir aquí”.
O presidente da
Xunta avanzou que para a rehabilitación do resto de edificios “tócanos seguir
discutindo para chegar a solucións e seguir avanzando no desenvolvemento desta
Cidade das TIC que é o froito do esforzo do todo o mundo”.
Rueda indicou
que, ademais das empresas que se instalarán con amplo percorrido, haberá outras
moitas compañías que nacerán baixo o amparo dos proxectos que se desenvolvan
nesas instalacións. Só na Cidade das TIC se espera xerar máis de 500 novos
postos de traballo nos vindeiros anos.
Un edificio cun grande potencial
O edificio do
CSA, de 5.000 metros cadrados, acollerá ás empresas Imatia, cinfo, ITG, Xoia
Extending Reality, Enxenio e Odeene. Ademais, na planta inferior haberá un showroom
que funcionará como espazo versátil para o deseño e formación nas últimas
tecnoloxías e produtos do sector TIC galego.
O Centro de
Servizos Avanzados é unha sociedade participada por Clúster TIC, a Universidade
da Coruña, Altia, Plexus, cinfo, Imatia, Itelsis, Aldaba, ITG, Dos Espacios,
VisualPublinet, Librebit e Xoia. O proxecto do CSA ten un coste inicial de 5,2
millóns de euros, para a rehabilitación do edificio, unha das naves da antiga
Fábrica de Armas da Coruña, máis o equipamento dos laboratorios, e contou cun
financiamento de 4,8 millóns de euros da Xunta de Galicia a través do Igape.
O CSA conta tamén
con tres laboratorios de innovación de uso compartido entre os socios do
Clúster TIC Galicia, un de intelixencia artificial, outro de media e un de
dispositivos intelixentes, así como un coworking. Trátase dun edificio
sustentable cun alto nivel de eficiencia. Os seus 162 paneis solares
proporcionan 100 quilowatts, o que permite o abastecemento da práctica
totalidade das necesidades enerxéticas do centro.
Nestes momentos,
ademais, o Concello da Coruña está acondicionando os accesos á Cidade das TIC,
os servizos de enerxía, comunicación e augas e a urbanización interna cun
investimento de tres millóns de euros.
Evento TIC: IA e empresa
Nada máis
inaugurarse, o
CSA ponse en marcha cun evento TIC sobre intelixencia artificial aplicada á
empresa no que participan expertos de Denodo, NTT Data, MásMóvil e
Teléfonica. O evento TIC comeza cunha charla moderada por Antonio Rodríguez del
Corral, con Alberto Pan e Daniel Lender, CTO e CFO de Denodo, respectivamente.
Os directivos desta empresa galega, especializada en xestión de datos,
explicaron como evolucionou a súa tecnoloxía desde a súa fundación no ano 1999,
analizando as tendencias do mercado e falando sobre a súa experiencia con Silicon
Valley e como conseguiron o apoio de grandes inversores internacionais, como
TPG Growth, que acaba de inxectar 336 millóns de euros na compañía.
Zeltia Lado,
directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Xunta, é a
seguinte relatora da xornada. Na súa intervención, sinalou os instrumentos
precisos para o impulso da aprendizaxe permanente que permitan capacitar a
persoas e empresas para contribuír á transición dixital dos seus proxectos,
apoiando a innovación e a competitividade.
David Pereira, Head
of Data & Intelligence de NTT Data para Europa e América Latina,
aportou a súa visión sobre como se están a introducir os proxectos de IA nas
grandes organizacións. Posteriormente, Ravin Dhalani, CIO no Grupo MásMóvil,
afondou na estratexia tecnolóxica da súa empresa para introducir a intelixencia
artificial como resposta aos retos de negocio. A última participación da
xornada foi a cargo de Chema Alonso, CDO de Telefónica, que tratou a estratexia
global da multinacional no ámbito da IA.