A Aula Newton Galicia impulsa as vocacións científico-tecnolóxicas
martes, 27 de agosto do 2024
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta de Galicia, Margarita Ardao, percorreu hoxe as instalacións da Aula Newton, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, en San Cibrao das Viñas, onde destacou que a colaboración entre o Goberno galego, Boeing, a organización sen ánimo de lucro First Scandinavia e Tecnópole fixo posible a chegada a Galicia desta aula permanente Newton única en España e anunciou que o mércores, 4 de setembro, ábrese o prazo de inscrición na súa actividade para o período de outubro a xaneiro.
A Xunta de Galicia pon en valor o importante papel da Aula Newton Galicia como impulsora das vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado galego. Un total de 4.344 alumnos e alumnas de Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional participaron nas actividades desta iniciativa de divulgación científica centrada no eido aeronáutico e aeroespacial desde que se puxo en marcha en outubro de 2021 no marco da Civil UAVs Initiative.
Na Aula Newton ofrécese de balde formación en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas mediante dinámicas de grupo, de forma que o alumnado ten acceso a equipos que lles permiten reflexionar, explorar, debater e colaborar en materias STEM. Está aberta os xoves e os venres durante o curso escolar en horario de 10:30 a 13:30 e está dirixida a grupos de entre 24 e 32 alumnos e alumnas de 2º de Educación Secundaria Obrigatoria ata 2º de Bacharelato e de Formación Profesional.
Voamos con números: unha aventura aérea é a denominación do módulo no que participan os estudantes, no cal reciben unha misión do Centro Integrado de Atención a Emerxencias da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), na que deben colaborar observando diversos puntos de Ourense e Pontevedra para axudar a establecer as prioridades dun rescate.
Durante a actividade, o alumnado planifica os seus propios voos, realizando cálculos matemáticos con unidades, distancia, velocidade e tempo, e aprenden a manexar correctamente a navegación. Traballando en tripulacións deben cumprir a misión encomendada realizando un voo en simuladores avanzados.